WCCC2018 – Visitas guiadas á Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura ofrece visitas guiadas de balde en inglés aos pais, acompañantes e delegados que están asistindo ao Campionato Mundial de Xadrez Cadete e desexan descubrir os secretos do proxecto arquitectónico de Peter Eisenman.

Estas visitas serán o martes 13, mércores 14 e xoves 15 de novembro ás 16:30 horas. O punto de encontro é o hall do Museo Centro Gaiás. Non é necesario reservar pero requírese puntualidade.

A Cidade da Cultura. O proxecto

Situada en Santiago de Compostela, a Cidade da Cultura de Galicia eríxese no cumio do monte Gaiás como un formidable fito arquitectónico do novo século dedicado ao coñecemento e á creatividade.

Deseñada polo arquitecto americano Peter Eisenman para acoller as mellores expresións da cultura de Galicia, España, Europa, Latinoamérica e o mundo, esta nova “cidade”, inclusiva e plural, quere converterse nunha “factoría de proxectos” que dinamice o noso tecido de industrias culturais, unha plataforma que lle dea visibilidade ao mellor das nosas expresións artísticas e un punto para o intercambio de ideas e experiencias, conectando Galicia ás redes nacionais e internacionais de creatividade e coñecemento.

Os seus singulares edificios, conectados por rúas e prazas e dotados dun avanzado nivel tecnolóxico, configuran un espazo de excelencia para a reflexión, o debate e a acción orientados ao futuro de Galicia e a súa internacionalización.

A Cidade da Cultura de Galicia foi deseñada polo arquitecto norteamericano Peter Eisenman, tras un concurso internacional ao que se presentaron doce proxectos.  Elixido pola súa singularidade tanto conceptual como plástica e a súa excepcional sintonía co lugar onde se alza, Eisenman concebiu o proxecto do Gaiás como unha urbe propia.

Inspirándose no casco histórico de Compostela e as cinco rutas de peregrinación da cidade medieval que conducen á catedral, o arquitecto trasladou esta cuadrícula ao cumio da montaña. Partindo deste concepto, o proxecto orixinal consta de seis edificios conectados por rúas e unha praza como punto de unión evocando o motivo da vieira, como símbolo da peregrinaxe.

Actualmente están rematados catro edificios:

  • O Centro de Emprendemento Creativo de Galicia
  •  A Biblioteca e Arquivo de Galicia
  •  O Museo Centro Gaiás
  •  Centro de Innovación Cultural (CINC)

 

 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies